Wednesday 15 de May de 2024

“Brión Solidario” pon en marcha a cuarta campaña de recollida de alimentos polo Nadal


Nesta ocasión precísanse especialmente: azucre, conservas, aceite, leite, produtos de hixiene e produtos de Nadal

O Concello de Brión pon en marcha, e por cuarto ano consecutivo, a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario” co obxectivo de recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha iniciativa que vén contando co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión nestes últimos anos e que mesmo intensifica a súa colaboración nestas datas especiais do Nadal.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “estas doazóns, xunto coas achegas que periodicamente fai o Banco de Alimentos, están a permitir a atención das necesidades alimentarias básicas dunhas 30 familias do Concello, é dicir, unas 100 persoas, en gran parte menores”. O Concello de Brión lembra que a colaboración pode realizarse tanto individualmente como en grupo (asociacións, empresas, amigos, compañeiros…) e que se poden achegar alimentos non perecedoiros ou donativos en metálico.

No caso das achegas de alimentos non perecedoiros correctamente empaquetados, este ano precísanse especialmente produtos de Nadal, azucre, conservas, aceite, leite e produtos de hixiene; sendo menos necesarios a pasta, o arroz e as galletas. As achegas poden entregarse dende hoxe e ata o remate do Nadal no CEIP de Pedrouzos, no IES Brión, na gardería dos Ánxeles, nas oficinas municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) ou no supermercado Froiz de Montebalado.

Por outra banda, os donativos en metálicos poderán entregarse na Tesourería Municipal do Concello ou ser ingresados na conta do Concello en Abanca, séndolles entregado en ambos casos o correspondente xustificante de ingreso. Ademais, dende o Concello de Brión xa se enviaron as correspondentes cartas ás empresas e entidades do municipio animándoos a colaborar na iniciativa.

Gran colaboración

José Luís García destaca que “os veciños e veciñas de Brión fan gala da súa solidariedade doando alimentos ao longo de todo o ano. E tamén as agrupacións, asociacións e empresas que conviven no termo municipal veñen desenvolvendo accións de apoio a esta iniciativa. Bos exemplos son a Piscina Municipal, a asociación cultural e deportiva O Esquío no Piñeiro, a Unión Deportiva Bastavales, os veciños da parroquia de Ons, todos os centros educativos de Brión … que aproveitando a celebración de eventos propios, veñen recollendo alimentos ou donativos para cooperar agrupadamente coa campaña municipal”.

Tamén é reseñable a colaboración da asociación de Mulleres “Xuntanza”, que se encarga de distribuír os alimentos de acordo coas indicacións dos Servizos Sociais de Brión e dun xeito totalmente discreto, así como de empresas como o Froiz de Montebalado.